O discurso de ingreso de Henrique Monteagudo na RAG foi deses que lle quedan a un gravados na memoria e que de cando en vez se volve sobre eles, para así poder apreciar mellor o seu peso para a sociedade e cultura galega. E isto non é algo que aconteza todos os días, malia que non fallan oradores ou conferenciantes. Foi unha vigorosa, clara e valente posta enriba da mesa do que temos entre as nosas mans, o futuro da lingua de Galicia.
Igual de memorable foi para nós, o discurso, tamén de ingreso na RAG, de Víctor F. Freixanes, “Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira”, que onte volvemos a ler de novo, e, malia que xa transcorreron oito anos, sentimos de plena vixencia e actualidade.
Mesmo se podería dicir que sendo dous discursos totalmente distintos, tanto no tema coma no estilo, comparten o enfoque de mirar cara o futuro, facéndolle fronte aos problemas actuais e deixándose de ensoñacións que non conducen a nada máis ca fantasías.
Trataba Freixanes nese ensaio de como enfrontar a encrucillada na que se atopaba a cultura galega (todas en xeral) no cambio de século e das nosas responsabilidades como galegos para non perder os nosos sinais de identidade.
¿Como enfrontar este novo tempo, esta nova modernidade (en termos históricos) dende a nosa identidade concreta de galegos? ¿Que posibilidades ten a lingua nosa nesta nova realidade que nos condiciona e se nos impón? ¿Que concepto novo de cultura podemos desenvolver neste marco de relacións globais, transnacionais, instalados no discurso dos novos mercados, as novas relacións entre os pobos e os individuos? A globalización é un feito histórico, non algo conxuntural, nin circunstancial, sobre o que se nos pida opinión e que poidamos aceptar ou rexeitar. Igual que a luz eléctrica. Igual e as novas formas da economía, o transporte ou a medicina. Está aquí. É a nova escritura da Historia. Diante do feito cultural, que é un feito de identidade individual e colectiva, caben dúas posicións: a conservacionista e a activa. A conservacionista, bastante común entre nós, caracterizase por xogar á defensiva, preocupados (alarmados) polo que sen dúbida podemos perder: as vellas marcas da tradición, acaso tamén a lingua. É o que algúns denominamos a posición Medulio, ou de museo, instalada na resistencia e, no mellor dos casos, no proteccionismo. Virados cara atrás, asistimos decote á sensación frustrante e desesperanzada da progresiva perda da identidade, que é a perda da identidade dos nosos avós, derradeiros restos da memoria tradicional, tal que administrásemos o final dun xigantesco naufraxio. A súa expresión máis visible é o pesimismo e a melancolía. A outra postura, na miña opinión a única viable, é exactamente a contraria: virados cara ao futuro, afrontados aos retos do novo tempo, aínda a risco de trabucármonos, ou de fracasar, queremos seguir escribindo a nosa historia. Dicía o poeta Eliot que ao ser humano pertence a vontade do intento. Ou a cultura galega aprende a convivir coa nova realidade, potenciando as súas posibilidades, profundizando nos seus recursos, renovando o que necesite renovación, abríndose ao discurso da profesionalización e a competitividade, a información e o coñecemento, un novo capital humano en definitiva, capaz de xerar respostas ás demandas novas que o século presenta, coma os nosos avós fixeron no seu momento, ou dificilmente sobreviviremos.
Esa tensión histórica, esa encrucillada vital remitiuno a dous relatos xa clásicos:
-A Trabe de Ouro e a Trabe de Alcatrán, no que a modo de metáfora, a Trabe de Ouro sería o valor do coñecemento, e a Trabe de Alcatrán representaría o risco consubstancial á acción de coñecer.
-A Paxariña de Armenteira, que complementa o anterior porque é a outra actitude: a entrega consentida, abandonada á vontade dunha entidade superior que nos acolle e gratifica, sen pedirnos nada a cambio. O problema radica nesa perda de vontade, de autoridade: A contemplación divina, o abandono feliz ao canto da paxariña ten un prezo. Outros están alí. O mundo deixou de ser noso. Outros mandan na casa que un día construiramos para os nosos fillos.
A Trabe de Ouro é outra cousa. Esixe risco, preparación, estudo, coñecemento. O futuro é un proxecto en construción, implica a vontade de querer construílo: planificación, ambición, esixencia crítica, conscientes de que podemos fracasar, porque o fracaso, como dixemos, forma parte da posibilidade de éxito, mais sabedores tamén de que se non nos determinamos a asumir o risco, se non nos dotamos dos recursos e dos coñecementos necesarios para explorar o camiño, dificilmente haberá sitio para nós no novo espazo global ao que nos enfrontamos, esa nova modernidade, configuración dos novos tempos, se cadra chea de perigos, mais tamén de oportunidades. O futuro esixe esforzo, consciencia do que podemos perder, mais vontade tamén para asumir o desafío, seguridade en nós mesmos, aínda sabendo que no tránsito, na aventura de vivir, podemos ser expulsados do Paraíso.
Daquela, xa dicía Freixanes que fronte ao monolinguismo idealista, fronte ao bilinguismo insuficiente, había que dar paso a un multilingüísmo activo.
Para ler devagar, para aplicar con decisión (á lingua, á cultura, e mesmo se queremos á educación ou á escola), mirando cara adiante, deixando a melancolía atrás.
Tagged: lingua galega
